segunda-feira, 4 de junho de 2018

Luar na Lubre regresa cun disco dedicado á Ribeira Sacra

 
Luar na Lubre, na Ribeira Sacra

Luar na Lubre ten novo disco. Chámase Ribeira Sacra e está dedicado a esta comarca. Foi, ademais, gravado no propio Mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos) en outubro de 2017. A banda liderada por Bieito Romero presentou o seu novo traballo este sábado no Teatro Principal de Ourense, un concerto que se repetirá este domingo ás 20 horas.
Luar na Lubre, na Ribeira Sacra
O álbum, que ten como obxectivo "poñer en valor a través da música a riqueza histórica, etnográfica, natural e monumental deste territorio", inclúe 26 cancións que proveñen de composicións propias, música tradicional e melodías “que van lembrar e remarcar todo o patrimonio que temos na Ribeira Sacra”, en palabras de Bieito Romero. Romero salienta que "é a primeira vez que se fai un disco destas características para potenciar e difundir a Ribeira Sacra a través da música”, un territorio “que é desde sempre patrimonio da humanidade, aínda que oficialmente aínda non, e a nosa idea é poder falar coa grandeza da Ribeira Sacra, potenciándoa a través da música”.
 
O traballo discográfico recolle tamén nas letras feitos e personaxes históricos, como Romasanta, e de lenda, como os Felos de Maceda e Esgos, ademais de textos en barrallete, a linguaxe dos afiadores. Bieito Romero destacou na presentación do álbum que  esta gravación “tocoume no corazón, porque as miñas orixes están na Ribeira Sacra". "Ademais, para todos supuxo un proxecto moi especial porque comezamos a traballar nel na data en que os lumes fixeron estragos en Galicia, e o feito de estar nun territorio de tal alto valor natural, como é a Ribeira Sacra, fíxonos arrancar con moita tristura”, subliñou. Romero lembrou tamén o labor etnográfico e de recolleita de sons naturais e testemuñas que enriqueceron este traballo musical: “Fumos polas aldeas a falar coa xente, recollemos sons de vento, carros, campás, e tamén imaxes de nevaradas, amenceres..., de tal xeito que neste traballo mestúrase a música co ambiente da Ribeira Sacra”.
Luar na Lubre, na Ribeira Sacra
O disco conta con numerosas colaboracións, como Víctor Manuel, SES a Coral de Ruada, Astarot, Nani García e Marisa Valle Roso, que participarán tamén nos concertos. Luar na Lubre inicia esta fin de semana unha xira que xa ten confirmadas máis de 30 actuacións en todo o mundo, de Arxentina a Bélxica e Reino Unido, ademais de moitas citas en toda a Península.


A actual formación de Luar na Lubre está composta por Bieito Romero (gaitas, acordeón e zanfona), Belém Tajes (voz), Antía Ameixeiras (violín), Patxi Bermúdez (Bodhran, tambor, djembé), Pedro Valero (guitarra acústica), Xavier Ferreiro (percusión latina, efectos) e Xan Cerqueiro (frautas). Nesta entrevista que publicamos o pasado ano o grupo destacaba que "a nosa motivación fundamental é situar a música galega no mapa, que sexa coñecida e valorada", pero laiábase de que "en Galicia o mercado é limitado e ten moitas carencias. O 80% dos nosos concertos facémolos fóra de Galicia".

[Fonte: www.praza.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário