terça-feira, 1 de maio de 2018

Unha nova obra de arte de Wes Anderson

Un fotograma do filme  
ILLA DE CANS
Isle of Dogs
(EUA-Alemaña 2018, 101 min. - Animación)
Dirección e guión: Wes Anderson
Fotografía: Tristan Oliver
Música: Alexandre Desplat

SINOPSE
Todas as mascotas caninas son exiliadas nun vertedoiro situado nunha illa afastada da cidade de Megasaki. Un neno de 12 anos buscará na illa o seu can extraviado.

CRÍTICA
Quen coñeza un pouco a filmografía de Wes Anderson (non confundir con Paul Thomas Anderson, ‘par favar) sabe que é un cineasta que non anda escaso de imaxinación precisamente e que, no visual, conta cun dos estilos máis inconfundíbeis do mundiño, sobre todo por esa particular obsesión súa pola simetría de cada plano. Simetría que repite, unha e outra vez, de maneira sistemática, facendo que sexa xa a súa ‘marca da casa’ máis recoñecíbel.

Sempre que pode intenta contar co mesmo equipo técnico e co mesmo elenco de actores e actrices e, aínda que non sempre o consegue, si hai un denominador común: o gran Bill Murray. Desde Academia Rushmore (en 1998), sempre ten contado con el: Os TenenbaumsLife AquaticViaje a DarjeelingFantástico Sr. FoxMoorise KingdomO grande hotel Budapest e, como non, tamén conta con el en Illa de cans, onde lle pon voz a un dos cans protagonistas.

Illa de cans supón a segunda longametraxe de animación, realizada coa técnica stop-motion, tras a xenial Fantástico Sr. Fox (ver Sermos Galiza nº 212). Continúa na mesma teima de: “todo artesanal”. Utilizáronse máis de 1.000 figuras feitas a man que eran fotografadas, fotograma a fotograma, en xornadas completas de rodaxe para lograr sacar apenas 3 segundos de metraxe. Si, ata tal punto foi meticuloso. O resultado final é o dunha obra de arte para admirar desde o primeiro fotograma. Impresionante... moi impresionante.

A historia, escrita polo propio Wes Anderson xunto con varios dos seus actores/colaboradores habituais Roman CoppolaKunichi Nomura e Jason Schwartzman, tampouco ten desperdicio. Unha trama baseada no “camiño do heroe” ambientada no Xapón distópico dunha era analóxica. Na cidade de Megasaki hai unha praga que afecta os cans. Para non poñer en perigo a poboación, todos os cans, sen excepción, son enviados a unha illa vertedoiro lonxe da cidade por orde do Maior Kobayashi. Un rapaz de 12 anos, chamado Atari, emprende unha viaxe á illa para atopar o seu can.

Non se debe descubrir moito máis para non chafar o conto (xa sabedes: “o número de spoilers son inversamente proporcionais á calidade do filme”) pero si podo adiantar que ofrece grandes doses de cultura xaponesa, brotes de gargalladas a base de slapstick e brincadeiras visuais, sensibilidade canina a flor de pel, crítica política e cinefilia... moita cinefilia. Anderson non anda con medias tintas e apunta os máis grandes: WellesHitchcockKitanoKurosawa e, claro, a si mesmo...

Se rascamos un pouquichiño baixo do aparente verniz naif que mira de esguello Saint-Exupéry, atoparemos unha crítica mordaz contra a manipulación de masas e o fascismo máis recente mais, no fondo, trátase dunha oda de amor ao mellor amigo do ser humano. De feito, non é casual que o título orixinal sexa Isle of dogs, usando a palabra isle en lugar de island, xa que a pronunciación inglesa soa igual que dicir: “I love dogs” (“amo os cans”). Brillante.

Fábula de cans, para amantes dos cans, da cultura nipona e para quen goce do xenuíno estilo Wes Anderson.

Por Andrés Castro


[Fonte: www.sermosgaliza.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário