sábado, 10 de janeiro de 2026

O emperador de Groenlandia

 


Escrito por Mara Mahía

En Ferrol hai máis xente que en Groenlandia e menos que en Venezuela. Vivimos tempos nos que os antigos aliados tornan posibles inimigos. Non só Rusia ou China; os Estados Unidos encóntranse a un paso de converterse en inimigo da OTAN e da Unión Europea. Está máis que claro que o señor Trump fai o que lle peta. Dispara, asasina e secuestra un presidente sen pedirlle permiso ao Congreso do seu país (a Constitución dos Estados Unidos di que calquera acto de guerra ten que ser aprobado polo Congreso). Trump pode ser un pobre bully imbécil e avaricioso, pero ten ben claro que ninguén neste planeta lle vai tusir. Ninguén. Díxoo hai uns días Stephen Miller (un extremista alto cargo de Trump): «Ninguén vai loitar contra o exército dos Estados Unidos sobre o futuro de Groenladia».

Nunha editorial do 3 de xaneiro, The New York Times condenaba o ataque a Venezuela como ilegal e imprudente. Nese artigo de 1.462 palabras non mencionaban nin unha vez a palabra oil (petróleo) para razonar unha posible explicación ao ataque a Venezuela. Falaba do documento da Estratexia de Seguridade Nacional, que publicaron hai pouco baixo o nome de Corolario Trump, que non é máis ca outra doutrina Monroe. Falaba tamén da escusa do narcoterrorismo, mais a razón que parece obvia para o resto do mundo nin a mencionaba. Non sei se é que os medios de comunicación pensan que somos todos idiotas ou intentan negar a realidade como fórmula para seguir vivos. Cando os trumpistas asaltaron o Congreso, tampouco os medios de EE.UU. dixeron que fora un golpe de Estado. Seguen sen dicir que Trump é un ditador, aínda que asasine civís, narcotraficantes ou non.

O mundo atópase verdadeiramente nun conto de Andersen. Ninguén se atreve a enfrontarse á chaladura do Emperador, quen hai tempo que non cobre as súas vergoñas. Trump nunca tivo pelos na lingua. Dixo claramente que Venezuela ten moitísimo petróleo e que EE.UU. vai usalo e organizalo. Quen lle din que non? Que fai o Congreso de EE.UU. cando o presidente autoriza os asasinatos de persoas en barcas no Caribe? E ese demo de home continúa insistindo en que Groenlandia é deles. O fascismo é así, toman as cousas pola forza. Oxalá que co que aconteceu en Venezuela espertemos dunha vez: co fascismo non hai diálogo. Cústame escribilo, pero o fascismo é guerra. Din que ao fascismo se lle gaña nas urnas, e tamén con educación, xustiza e igualdade. Pero cando un fascismo imperialista xa está gobernando, que se fai? Resistir. E a resistencia é loita. E se hai que ir a Groenlandia a protestar e resistir, pois non vai quedarnos outra.

Non teño dúbida de que Trump vai invadir Groenlandia. Ou, como el di, «controlar» esa terra. O que si me dá rabia é que, se o fai, ninguén en Europa vai enfrontarse a el. Porque, ao contrario do que pasara naquel conto de Andersen, quen, como a illa máis grande do mundo, tamén fora de Dinamarca, imos necesitar máis que un rapaz para denunciar a este desvergonzado. Que imos facer dende a OTAN e a UE? Declararlle a guerra aos Estados Unidos? Venezuela polo petróleo, Groenlandia pola súa localización estratéxica… Lembrade que xa houbera outro emperador, o do Dritte Reich (terceiro imperio), que tivera interese polo wolframio galego.

 

 

[Fonte: www.luzes.gal] 

Sem comentários:

Enviar um comentário