A tradición seguía viva, aínda que adormecida, na cultura popular, mais o nome que lle deamos aínda está debaténdose.
Xa sexa Samaín, Día de Defuntos ou Festa das Caveiras, a tradición popular galega de orixe celta celebra esta noite o cambio de estación no ciclo agrario e a chegada do inverno. O outono é a época da caída das follas, da baixada das temperaturas e do remate dos últimos traballos do verán, como a vendima.
Moito antes de que por influencia da cultura estadounidense chegase á nosa sociedade a festa coñecida como Halloween, na Galiza xa se celebraba a véspera do primeiro de novembro. Desde inicios dos anos noventa a Asociación Cultural "Chirlateira" de Cedeira comezou a organizar unha pequena festa de Samaín, como se lle acabou chamando, na que o obxectivo principal era recuperar o costume de baleirar e esculpir caveiras. As crianzas adoitaban recollelas, furalas e poñerlles dentro unha candea para colocalas en estratéxicos para asustar ás persoas que pasaban por alí.
O arqueólogo Felipe‑Senén considera máis acertado falar de tempo de defuntos, nome co que se coñecía popularmente a celebración que aínda lembran as persoas máis vellas, pois se ben é certo que aquí "puidese haber un equivalente á divindade de carácter irlandés que denota o Samaín, non é a tradición que sobreviviu, senón que foi absorbida polo cristianismo mantendo elementos de carácter pagán", explica.
Se ben o Samaín pode funcionar como trazo de unión das periferias atlánticas, Felipe‑Senén insiste en ter coidado de “non solapar a nosa cultura con outras e perder a nosa orixinalidade”.
En todo caso, o importante desta noite debe ser non perder de vista a relación única e estreita que os galegos e as galegas manteñen coa morte.
Sem comentários:
Enviar um comentário