terça-feira, 26 de dezembro de 2017

O goberno de Gales presenta un plan para acadar o millón de falantes en galés en 2050

Vén de presentar un plan para o sistema educativo que ten como obxectivo final acadar un millón de persoas falantes do idioma propio deste país celta en tres décadas.



O goberno de Gales vén de presentar un plan cuadrienal para a educación que ten como obxectivo final acadar un millón de persoas falantes de galés en 2050. Gales (Cymru) ten pouco máis de tres millóns de habitantes eo censo de 2011 cifra en 562.000 as persoas falantes de galés, o que supón unha perda de 14.000 falantes a respeito do anterior censo, de 2001. Cymdeithas yr Iaith Gymraeg (Asociación pola Lingua Galesa), a principal entidade na defensa e promoción deste idioma da familia das linguas celtas, calcula que cada ano o galés perde por volta de 3.000 falantes.
As medidas que fan parte deste plan contemplan diversas medidas e actuacións, que se basean en tres alicerces principais: aumentar o coñecemento do galés, incrementar o seu uso e crear as condicións favorábeis para o seu uso na vida diaria.
Cymdeithas, porén, dubida de que este plan poida lograr o obxectivo marcado. Esta asociación considera que hai que facer do galés a lingua vehicular nas escolas do país para 2030 para así poder garantir ese millón de falantes en 2050. O goberno de Gales, sen embargo, cifra en 30% os alumnos que en 2030 sexan escolarizados en galés.
En Arxentina, galés patagónico (Cymraeg y Wladfa)
O galés non se fala só en Cymru (Gales). Hai falantes deste idioma en Estados Unidos ou Australia, sitios onde emigraron fortes continxentes de galeses e galesas durante décadas. Mais, fóra das Illas Británicas onde vive a maior comunidade galesa é en Chubut, na patagonia arxentina. E falan o coñecido como 'galés patagónico' (en galés, Cymraeg y Wladfa). Calculábase no 2.000 que entre 5.000 e 12.000 persoas tiñen este idioma como lingua materna e que por volta de 25.000 tíñana como segundo idioma, tras o español.
O Partido Laborista é o maioritario na Asemblea Nacional de Gales, onde posúe 28 dos seus 60 escanos. Síguelle o Partido Conservador, con 11 deputados eo independentista Plaid Cymru, con 10 cadeiras. O independentismo galés ten un deputado no Europarlamento e catro representantes no Parlamento Británico, así como máis de 200 concelleiros. 


[Fonte: www.sermosgaliza.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário