domingo, 21 de setembro de 2025

Estonia, primeiro toque de atención


Escrito por Yashmina Shawki

Cuarto Crecente 

 

Non me dá vergoña confesar que alá por principios do século XXI o meu coñecemento sobre as antigas repúblicas soviéticas era bastante limitado. Aínda que o desmembramento da URSS iniciárase unha década antes, todo o territorio máis aló do pano de aceiro antollábase escuro, descoñecido, case sinistro. 

A miña xeración e as anteriores crecemos coa idea dunha división non tanxible pero moi real entre o occidente democrático e capitalista, (non todo,  está claro) e o oriente ditatorial prosoviético e comunista.

Pero o meu coñecemento foi aumentando a medida que a información se foi permeando e, sobre todo, cando tiven a fortuna de coñecer a unha familia estoniana. As charlas con eles, fundamentalmente coa nai, unha muller da miña idade, abríronme para sempre os ollos. A poboación das repúblicas bálticas ten gravada a lume, do mesmo xeito que a ucraína, a dor, a humillación, o abuso e a represión que supuxo a colonización soviética. 

A comezos do século XXI as repúblicas bálticas, etnicamente máis afíns aos países nórdicos agardaban con inquedanza o acceso á UE. Confiaban en que entrar no selecto club europeo amparáselles de calquera veleidade colonialista, da nova, pero sempre vella, federación rusa. E así foi a partir do 2004. Hoxe, máis de dúas décadas despois, Estonia sufriu unha nova incursión aérea rusa. Putin quere pescudar ata onde pode chegar e canto tarda en reaccionar o lento elefante europeo. Agora xa o sabe, pero nós tamén. É tempo non de reaccionar senón de adiantarse. Porque cando vexas as barbas do teu veciño pelar, pon as túas a remollar.

Toca prepararse para unha guerra baseada en xogos electrónicos.

 

[Imaxe: Sergey Bobylev / HOST PHOTO AGENCY RIA NOVOSTI / HANDOUT | EFE - fonte: www.lavozdegalicia.es]


Sem comentários:

Enviar um comentário